Saturday 27 de April de 2024

Un completo abano de actividades integran a Semana do Mar


Unha nova edición da Semana do Mar chega á Pobra do Caramiñal dende o día 15 ata 25 de xullo, pondo así en valor o vínculo do municipio co mundo mariño, tal e como puxo de manifesto a concelleira do Turismo, Charo Varela (Nós Pobra), no acto de presentación desta proposta. Acompañada da técnica municipal desta área, Sara Sánchez; do presidente da Asociación Amigos do Camiño do Barbanza A Orixe; e de Daniel Castaño, en representación de Iacobus Medieval, a edil expuxo que “A Pobra é unha vila que mira o mar, que vive del e que ten unha fonda tradición con el.”

A programación comezará no día 15 co mercado mariñeiro que se estenderá ata o 18. Situarase nos Xardíns de Valle-Inclán e nas prazas contiguas, e estará integrado por un total de 65 postos de diversa índole.

No 17 terá lugar a charla A pesca artesanal e sostible. Orgullo do noso, da man de Rogelio Santos Queiruga, mariñeiro de Porto do Son e divulgador sobre o seu oficio. Será ás 20.00 horas no Auditorio do Museo Valle-Inclán.

No día seguinte, 18, o xornalista Manuel Gago ofrecerá un paseo guiado polo litoral pobrense. Titulado Contos, lendas e historias a carón do mar, o percorrido comprende dende a praia da Illa ata o convento de Santo Antonio. Establécese como punto de encontro a explanada portuaria, ás 10.45 horas, dende onde un autobús trasladará as persoas participantes ata o referido areal.

Xa no 23, as mariscadoras da Asociación Mar da Pobra explicarán o seu labor nunha xornada de turismo mariñeiro que transcorrerá na praia dos Areos. A visita sairá da oficina do turismo ás 10.45 horas.

Para o día 24, configúranse dúas propostas. Por unha banda, o percorrido do Camiño de Santiago A Orixe ó seu paso pola Pobra do Caramiñal, guiado pola Asociación Amigos do Camiño do Barbanza A Orixe. As persoas asistentes terán a oportunidade de face-la marcaxe de varias frechas amarelas que sinalan a dirección do Camiño. O punto de encontro será na explanada portuaria ás 09.00 horas e tamén haberá autobús para realiza-lo desprazamento ata a praia da Corna, de onde partirá a ruta que finalizará no centro urbano. Deste xeito, farase a pé un tramo do itinerario. Así mesmo, na praia dos Areos, dende as 11.00 ata as 12.30 horas, desenvolverase a actividade infantil A pesca-la troula que consistirá en contacontos, títeres, maxia mariñeira, contaxogos etcétera.

E, finalmente, no Día de Galicia, 25 de xullo, navegarase en catamarán a Ruta Xacobea do Mar da Arousa e Río Ulla. A saída do porto náutico estipúlase nas 16.00 horas. As reservan débense formalizar na páxina web www.piratasdenabia.com.

Tódalas actividades están suxeitas a grupos limitados e ó uso da máscara. Agás para o mercado mariñeiro, requírese a inscrición previa no teléfono 981843280, marcando a extensión 2035, de luns a venres, en horario de 09.00 a 14.00 horas, ou presencialmente no punto de información turística, situado na Casa Mariñeira, de luns a sábado.

Máis información na propia oficina do turismo, mediante o enderezo electrónico turismo@apobra.gal, ou a través dos teléfonos de contacto 671090262 e 687482835.